Sunday 05 de May de 2024

O Pleno requírelle a Electricidad Cruceiro SL que presente a documentación precisa para adxudicar a segunda fase do proxecto de aforro enerxético no alumeado de Lousame


O proxecto está presupostado en 736.340 euros e permitirá reducir en máis de 500.700 KWh o consumo enerxético anual, o que suporá un aforro de 95.500 euros anuais

O pleno ordinario do Concello de Lousame aprobou na noite de onte a proposta de clasificación das empresas que optan á adxudicación da segunda fase do proxecto de aforro enerxético no alumeado público de Lousame, en fase de licitación por un importe de 736.340 euros. Deste xeito, o Pleno acordou requirirlle á primeira empresa clasificada, Electricidad Cruceiro SL, a que no prazo de 10 días presente a documentación necesaria para ser a adxudicataria do contrato.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, confirmou que á licitación se presentaron un total de 11 empresas, das que unha quedou fóra por terse presentado fóra de prazo e outras 4 foron desestimadas por incumprir os requirimentos técnicos esixidos na convocatoria. Dúas decisións da mesa de contratación que foron ratificadas na noite de onte polo Pleno municipal.
A Fase II do proxecto “Actuacións de aforro enerxético nos alumeados públicos do Concello de Lousame” conta cun orzamento base de licitación de 736.340 euros, dos que o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) financia o 80% grazas aos Fondos FEDER, mentres que o Concello de Lousame achega o resto. Dáse a circunstancia de que Electricidad Cruceiro SL tamén foi a empresa adxudicataria da primeira fase do proxecto, licitado por 136.100 e que supuxo a substitución de 348 puntos de luz do alumeado público en Portobravo, na pista de Cruído, Berrimes e na parroquia de Lousame.

Proxecto
Na auditoría enerxética dos 2.148 puntos de luz existentes en Lousame especifica que o municipio conta cunha potencia instalada de 212.573 kW e un consumo anual de electricidade de 914.065 kWh/ano, o que supón un gasto anual de 142.194 euros anuais. Teresa Villaverde explica que “esta actuación suporá unha redución do gasto de máis de 95.500 euros anuais e unha minoración de máis de 500.700 kWh de consumo enerxético. Unha vez reformadas, todas as instalacións terán cualificación enerxética A”.

“Existen actualmente varios alumeados municipais que están deteriorados polo paso do tempo e con equipos obsoletos polo que é preciso a súa renovación para minorar o gasto enerxético, minorar o gasto de mantemento a través do aumento da vida útil das luminarias, mellorar as condicións de confort visual e adecuar as instalacións ao regulamento vixente”, xustifica Villaverde Pais.
Para conseguir esa redución do gasto, o Concello de Lousame empregará tecnoloxías máis eficientes, reducirá a potencia instalada, axustará os horarios de acendido e implementará sistemas de regulación do consumo horario de madrugada. “Imos substituír as luminarias que temos agora, algunhas aínda de vapor de mercurio, por outras máis eficientes tipo LED”, puntualizou a alcaldesa, “ademais de renovar os centros de mando actuais, que están deteriorados polo paso do tempo; renovar varios tramos do cabreado para evitar perder enerxía; e instalación de acendido mediante reloxo astronómico dos cadros eléctricos existentes”. Así mesmo, o Concello substituirá as luminarias próximas a estradas para elevar
a posición da fonte de luz e conseguir un alumeado máis eficiente. PACES
Relacionada con esta cuestión, o Pleno aprobou o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), comprometido en xaneiro de 2019 cando se aprobou a adhesión de Lousame ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, iniciativa de ámbito europeo promovida en Galicia pola Xunta e a Fegamp.
“Faremos campañas de sensibilización sobre a redución de emisións de CO 2 , cambio climático… para que a comunidade veciñal estea implicada no tema e que saiba que cousas poden facer para colaborar dende a súa área particular”, explicou Teresa Villaverde. O plan foi aprobado cos votos a favor de PP e PSOE, e a abstención do edil do BNG. A mesma votación repetiuse na aprobación inicial do Plan de Prevención de Incendios Forestais do Concello de Lousame, que será exposto ao público durante 20 días. De producírense alegacións, será a Xunta quen informará sobre as mesmas, sendo a súa decisión vinculante á hora de aprobar o plan de xeito definitivo.
IBI e facturas
Por outra parte, desta vez por unanimidade, o Pleno aprobou unha bonificación do 95% do Imposto de Bens Inmobles a nove explotacións agrogandeiras do municipio. Unha bonificación da que se beneficiarán aquelas edificacións onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario, acolléndose á normativa aprobada no 2017 polo que estas actividades teñen un especial interese e utilidade no municipio, debido ás súas circunstancias socioeconómicas e á relevancia para o emprego.
Teresa Villaverde puntualizou que “o ano pasado beneficiáronse 10 explotacións e este ano son nove, xa que unha dos titulares se xubilou”.
Así mesmo, o Pleno aprobou tamén unha serie de facturas presentadas e contratos menores (sobre todo en cuestións informáticas) executados durante o confinamento e a desescalada pola pandemia do coronavirus. O primeiro punto foi aprobado cos votos a favor de PP e PSOE, e a abstención do BNG, mentres que o dos contratos menores foi aprobado por unanimidade.
Mocións
Finalmente, o Pleno aprobou as tres mocións presentadas polo Grupo de Goberno, das que dúas delas foron asumidas de xeito conxunto polos tres grupos municipais. A primeira delas foi unha moción institucional co gallo do 25 de novembro, que procedeu a ler a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo. Unha moción na que se insta ao Goberno do Estado “a desenvolver os acordos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para ampliar a formación especializada aos profesionais” e á Xunta de Galicia “a reforzar o apoio e a colaboración cos concellos”.
Tamén se aprobou como moción conxunta reclamarlle ao Goberno do Estado a rebaixa do IVE de máscaras e produtos de necesidade na loita contra a Covid-19, xa que nunha familia de 4 membros supón un gasto mensual de entre 70 e 150 euros. “É certo que se aprobou unha baixada, pero foi so nas máscaras quirúrxicas, nós pedimos que sexa en todas”, puntualizou a alcaldesa lousamiá.
Ademais, o Pleno aprobou instar ao Ministerio de Facenda a que lle ingrese ao Concello de Lousame os 31.159,55 euros procedentes dos ingresos do IVE non liquidados do ano 2017 pola aplicación do SII (Subministro Inmediato de Información), que provocou un desprazamento de ingresos ao 2018 e fixo que a participación dos Concellos nos ingresos por impostos fose menor.
O voceiro do PSOE, Julio Paradela, xustificou a abstención do seu grupo en que “non tiñamos información previa sobre este asunto para preparala” e lembrou que “no 2017 que estaba no Goberno foi o PP”. Pola súa banda, Villaverde Pais explicou que os datos “foron extraídos da Fegamp, que xunto coa FEMP están pedindo unha solución a esta problemática” xa que “son ingresos que lexitimamente nos pertencen. É unha situación inxusta que temos que recorrer, independentemente de quen estea no Goberno”. A moción aprobouse cos votos a favor de PP e BNG, e a abstención dos tres concelleiros socialistas.